Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-938
Clasificación Genérica Pintura; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Atribución dudosa a; Escola andaluza
Título Santa Eustaquia
Materia/Soporte Lenzo
Pintura ao óleo
Técnica Óleo sobre lenzo
Dimensiones Ancho sen marco = 70 cm; Alto sen marco = 104 cm
Descripción Santa Eustaquia aparece representada como unha xove doncela vestida cunha túnica de escote en pico e de tons agrisados que cae ata o chan deixando visibles os pés descalzos. Marcando o talle loce unha fina faixa azul. Encima leva un lixeiro manto en tonalidade vermello-alaranxado que se recolle nos dous brazos e cruza polo ventre resaltando a súa liviandade. Eustaquia acerca a súa man esquerda ao peito, a imitación do xesto de moitas virxes, e coa man dereita sostén un corazón, símbolo da súa fe e da súa dedicación á causa cristiá. A cabeza descuberta con melena que cae sobre os ombreiros e faciana ovalada con resgos finos e tratados con gran delicadeza que se aprecia na fineza dada aos ollos, ao nariz e aos beizos que harmonizan co ton rosado que ofrecen as meixelas. Este tratamento delicado das carnacións está indicando unha boa factura que se pode vincular (aínda que sexa a nivel de hipótese) coa escola granadina. O fondo ofrece dúas partes ben diferentes; a esquerda do espectador cunha paisaxe próxima, cun tratamento escuro con elementos vexetais (árbores con aspecto de palmeiras...); a parte da dereita, pola contra, ofrece unha paisaxe de gran profundidade no que os campos, as montañas e os ceos se debuxan ó redor dunha entrada de luz que penetra sobre o perfil do horizonte, a media altura do lenzo.É moi probable que, ademais dun significado simbólico, esta paisaxe trate de representar unha visión idealizada de Terra Santa. No ángulo inferior dereito conserva, en letra capital cadrada, o texto identificativo da persoa representada: "SA. EVSTAQVIA / UIRGEN:"
Iconografia Santa Eustaquia
Inscripciones/Leyendas Parte inferior dereita, Pintado, Español, Capital cadrada
SA. EVSTAQVIA / UIRGEN: . ( Santa Eustaquia Virxe)
Datación 1601=1700
Contexto Cultural/Estilo Idade Moderna
Lugar de Producción/Ceca Andalucía (España, Europa do Sur) [Posiblemente]
Uso/función Devocional
Clasificación Razonada Santa Eustaquia é un personaxe histórico vinculado ao nacemento da peregrinación e sobre todo á asistencia hospitalaria dos peregrinos e tamén dos enfermos e necesitados. Nace en Roma en torno ao ano 364 e morrerá en Belén no 420.
A partir do século IV difúndese entre a igrexa primitiva a necesidade de axudar ao pobre, ao enfermo e ao peregrino. O coidado dos necesitados convértese nunha actividade primordial que asume, en primeira instancia, o colectivo feminino da sociedade de crentes. Deste xeito serán as diaconisas, as viúvas, as virxes e outros colectivos de piadosas mulleres as que se responsabilicen das funcións de atenderen as necesidades dos pobres, dos doentes e dos peregrinos. A verdadeira consolidación desta actividade piadosa terá lugar cando un conxunto de senlleiras mulleres, coñecidas xenericamente baixo a denominación das "matronas romanas" se una no desempeño das súas caritativas funcións. Aínda que escaso en número (apenas se citan unhas 15 "matronas romanas") este grupo de mulleres representarían a elite da sociedade cristiá no mundo tardorromano e acabaría por institucionalizar a hospitalidade que empezara a difundir santa Helena, nai do emperador Constantino.
San Xerome ofrécenos nos seus escritos o nome das catro principais que viviron entre o século IV e V: Marcela, Fabiola, Paula e a súa filla Eustaquia. Todas elas aprenderían os segredos da enfermería, a utilización das herbas medicinais, a confección e aplicación de ungüentos con fins curativos e a utilización de vendaxes e demais labores propios. Paula a nai de Eustaquia, pertencía a unha acaudalada e culta familia romana e acadaría un alto coñecemento do grego e do hebreo ata o punto de ter colaborado con san Xerome na realización da Vulgata. Paula, enviuvada e, procurando unha vida de ascetismo, abandonará Roma no ano 385 na compaña de Eustaquia. En Antioquía coincidirán co seu amigo san Xerome e outros peregrinos visitando os Santos Lugares e peregrinando ao deserto exipcio para ver os monxes anacoretas que influirían na decisión de Paula de se instalar en Belén, fundando o primeiro hospital para atender aos enfermos e aos peregrinos que chegan a Terra Santa.
Esta iniciativa sería imitada uns anos máis tarde por Fabiola, nunha visita que realiza a Xerusalén no ano 395, e fundaría en Ostia un hospital para prestar axuda aos enfermos e aos peregrinos romanos. Estamos asistindo a un auxe importante das peregrinacións cristiás en Terra Santa. Logo do Edicto de Milán do 313, a tolerancia para a práctica do culto cristián irá acompañada do descubrimento de importantes reliquias e o acondicionamento de moitos destes lugares, considerados santos, para a súa veneración. O descubrimento da Vera Cruz, as construcións constantinianas para albergar multitude de reliquias, etc., farán nacer o costume de peregrinar a estes lugares. Xa no ano 333 hai constancia da viaxe piadosa dun peregrino procedente de Burdeos. No ano 371, unha matrona recén enviuvada de orixe hispano chamada Melania, deixa a súa fortuna ao seu fillo e peregrina a Xerusalén. Uns anos máis tarde, a propia monxa Exeria, procedente da Gallaecia, realizará unha interesante peregrinación que, iniciada no 381, concluirá no 384, un ano antes da viaxe emprendida por Eustaquia e a súa nai. Outros continxentes de peregrinos encamiñaranse ata estes lugares e moitos deles, enfermos, serán atendidos no hospital de Belén, fundado e atendido por Paula e Eustaquia, e noutros establecementos que se irán creando segundo esta idea e este primeiro modelo.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 24/11/2008
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6